Igrexa de Santa María de Souto

Igrexa de estilo barroco do século XII de orixe románica situada no lugar de Souto, parroquia de Santa María de Souto. A Igrexa está situada nunha área rural ó pé dunha ladeira.

O edificio posúe unha planta rectangular cunha soa nave e dúas pequenas capelas laterais de diferentes proporcións. No muro setentrional, na parte correspondente ó presbiterio, engadíuselle un corpo cuadrangular que funciona como sancristía. Os muros son de carga e a cuberta é a dúas augas con cubrición de tella curva. De tempo máis recente ó da súa edificación son unha porta lateral e unha pequena ventá inspirada no románico de dous ocos e acubillada por un arco de medio punto. O exterior presenta a sobriedade característica destes templos rurais nos que a función prevalece por riba das consideracións puramente estéticas ocupando a simplicidade e un velado xogo de simetrías o lugar principal. A todo isto hai que engadi-lo xogo volumétrico que propicia a relevancia que os distintos corpos teñen ó exterior.

Os seus muros parecen revocados e branqueados, con excepción de esquinais e recercado de ocos, así como a fachada principal, que mostra cantería vista. Esta última concentra a escasa ornamentación do edificio, situándose nun imaxinario eixe vertical que pasa polo vértice da cornixa á porta de entrada, rectangular e aliñada. O campanario resólvese nunca espadana formada por dous corpos, posuíndo o primeiro deles tres machóns que dan lugar ós dous ocos onde se atopan as campás, mentres que o segundo presenta un pequeno oco circular central e unha cornixa semicircular, lixeiramente rebaixada, rematada en pináculos.

A pesar de ter unha base estructural románica, Santa María de Souto case non conserva restos do século XII debido á transformación completa que sufriu no ano 1813, de aí que a datación do edificio tan só sexa posible a través do arco triunfal de acceso ó ábside; dito arco, lixeiramente apuntado, está apoiado sobre dúas semicolumnas apegadas de fuste monolítico, groso ábaco e bases dóricas talladas. Os seus capiteis son os únicos elementos que posúen certo interese; o da dereita ten gravadas follas de ruda talla, mentres que no da esquerda se presenta un baixorrelevo dun xabaril.


© 2013 Concello de Paderne