ÍDOLO FÁLICO

O 13 de maio de 1964 foi atopada na igrexa de Paderne un ídolo fálico prerrománico, supostamente céltico e con fins relixiosos relacionado coa fertilidade.Na actualidade pódese ver no Museo Arqueolóxico da Coruña.

A escultura representa unha figura antropomorfa pre-romana, de carácter fálico.

É unha especie de plástica enteiramente ruda e grosa, tallada en granito con 61,5 cm de altura. Sustenta na man dereita unha especie de báculo e está envolto nunha túnica, ou sagum, que lle cobre case todo o corpo, e coios corchetes se distinguen sobre o peito.

Na parte superior da cabeza representa unha coviña, ou fósete, cavidade que debe corresponder ó exercicio de calquera práctica ritual que se encontra tamén en diversas esculturas zoomorfas da Cultura dos castros do Noroeste peninsular na cal debemos, sen dúbida algunha, incluír a presente figura.

Está truncada por baixo dos xeonllos tal e como acontece na maioría dos casos, como nas representacións de guerreiros galaicos-lusitanos descubertas en Portugal e no Sur de Galicia, todas elas de natureza funeraria segundo a opinión dalgúns arqueólogos e consideradas por outros como imaxes de deuses ou monumentos honoríficos.


© 2013 Concello de Paderne