PRESENTACIÓN DA GUÍA DE PRODUTOS ALIMENTICIOS DE EXCELENCIA

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo ven de presentar, este pasado día 3 de decembro, a “Guía de Produtos Agroalimenticios de Excelencia” co obxectivo de difundir e poñer en valor o traballo dos produtores baixo a Marca da Reserva.

A Guía foi presentada na sede do CEIDA, no Castelo de Santa Cruz de Oleiros, polo Presidente da Reserva e Alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, polo Vicepresidente e Alcalde de Paderne, César Longo, polo divulgador gastronómico, Luís Paadín, pola Concelleira de Turismo de Oleiros, Teresa Vázquez e polo Director do CEIDA, Carlos Vales.

Conta con un total de 31 produtores da Marca de calidade agrupados nas categorías de froitas e verduras, lácteos, plantas aromáticas, marmeladas e conservas, viños e lúpulo. De cada produtor indícanse os alimentos que acadan o recoñecemento de Excelencia e os meses máis axeitados para cada un deles.

A determinación de Excelencia dos produtos procede do traballo de 28 catadores profesionais que realizaron catas sensoriais e a cegas de 289 alimentos realizando as comparacións con outros similares pero foráneos.

Aqueles con unha clara diferenciación cualitativa, foron os que recibiron a distinción de Excelencia, sendo un  total de 189 os que a lograron ao demostrar ter unhas calidades organolépticas superiores.

César Longo sinalou ao circuíto local de comercialización como factor clave; “Somos unha potencia para impulsar o Km0 e que os restauradores empreguen as producións da Reserva”, sinalou.

Co fin de impulsar as producións da Biosfera, a Reserva ultima o lanzamento do seu propio Marketplace; unha aplicación online para que os produtores da Marca poidan vender as súas propias elaboracións e aumentar así a súa visibilidade.

Con todo este traballo, a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo está dando pasos firmes para converterse en destino gastronómico de primeiro nivel.