XORNADA DE COOPERACIÓN DA RESERVA DE BIOSFERA: “FORO DA RÍA DE BETANZOS”

O Alcalde de Paderne e Vicepresidente da Reserva de Biosfera Mariñas-Coruñesas e Terras do Mandeo, César Longo, estivo este pasado día 24 de novembro en Abegondo para participar nunha nova xornada do Foro da Ría de Betanzos; unha iniciativa para promover o consenso entre tódolos axentes relacionados con este estuario a fin de atopar medidas ás distintas problemáticas detectadas no proceso participativo aberto.

Trátase de que, entre tódolos axentes relacionados e as administracións implicadas, tanto a nivel local como autonómico ou estatal, ademais dos colectivos de usuarios no ámbito turístico, ambientalista, deportivo, recreativo, pesqueiro e marisqueiro, busquen vías de cooperación que sirvan para a mellora da ría.

Nesta reunión, celebrada na sede da Reserva, ademais do Vicepresidente, César Longo, estiveron  tamén o Presidente da Reserva e Alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, a Xefa Territorial de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, Cristina Carrión, o enxeñeiro da Demarcación de Costas de Galicia, Juan Garcilaso de la Vega; a Alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez; o Alcalde de Coirós, Francisco Quintela; o Concelleiro de Medio Ambiente de Betanzos, José Lagares; o Concelleiro de Turismo de Miño, José Manuel Pantín; representantes da Garda Civil do Mar e do Seprona, e o Técnico da Reserva, Diego López.

No transcurso da xornada, expuxéronse as principais inquietudes manifestadas polas entidades como son a entrada de motos acuáticas, a navegación de acordo coa Rede Natura, o balizamento do estuario, ou a presenza de barcos abandonados.

Acordouse comezar unha serie de reunións específicas coas administracións competentes en cada un dos temas. De esta forma, neses encontros individuais poderanse adoptar as actuacións correspondentes.  

Outro dos acordos aos que se chegou foi o de deseñar un plan de ordenación e uso público da ría, que sirva de apoio para os usuarios e as administracións coa finalidade de garantir o bo funcionamento deste espazo natural, compatibilizando o seu uso sostible coa mellora ambiental.