ACTIVIDADE DE FORMACIÓN IMPULSADA POLA RESERVA DE BIOSFERA MARIÑAS CORUÑESAS E TERRAS DO MANDEO

A Reserva de Biosfera, Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo está a desenvolver un plan de dinamización a través de distintas estratexias nas que se inclúe a promoción dos produtos turísticos do seu territorio co obxectivo de facilitar o desenvolvemento económico da zona que representa.
Así, este pasado 21 de setembro, as seis adegas distinguidas coa marca de calidade da Reserva, produtoras de Branco Lexítimo, traballaron conxuntamente cos hostaleiros da zona nunha xornada de formación.
Un total de 21 establecementos, aloxamentos e restaurantes, con selo de calidade de Mariñas Coruñesa, sumáronse a esta gran iniciativa co fin de ofrecer unha experiencia de maridaxe ós seus clientes. Sen dúbida, este tipo de actividades, que servirán para atraer ó público, veñen a perfeccionar a atención que xa de por si ofrecen nos seus establecementos. 
O encontro, que tivo lugar na Adega Casa Beade, en San Mamede, Paderne, estivo presentado conxuntamente polo Presidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e Alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso e polo Vicepresidente e Alcalde de Paderne César Longo.
César Longo, orgulloso do traballo realizado no Concello cara á posta en valor do Branco Lexítimo, ven a constatar a gran calidade alcanzada por estes caldos que, da man das 6 adegas distinguidas coa marca de calidade da Reserva, van traballando un selecto mercado conseguindo altísimas cotas de calidade, reforzando así a gran aposta que o Concello de Paderne veu facendo co Branco Lexítimo.