XVI FESTA DOS MAIORES

Rematou abril coa celebración, o último sábado de mes, da Festa dos Maiores de Paderne. Acontecemento que une ás persoas maiores do Concello nun entrañable acto pensado exclusivamente para eles.

Un día moi importante no que se quere render tributo ás persoas que loitaron polas súas familias, polas súas aldeas, e que contribuíron, co seu esforzo e exemplo, a facer das xentes de Paderne cidadáns respetuosos co seu Concello e orgullosos das súas orixes.

Os actos comezaron, tal e como figuraba no programa, ás 13:00 h cunhas palabras do Alcalde coas que daba a benvida ós asistentes e resaltaba o seu agradecemento para con todos eles.

Seguidamente tiña lugar a Misa de campaña, oficiada polos curas do Concello e cantada pola coral da Asociación de Veciños Albeiro de Velouzás, imprimindo así unha maior espiritualidade a este oficio relixioso.

Ó rematar a misa realizouse o acto de homenaxe ós maiores de cada unha das parroquias do municipio seguida da comida que, despois de tantos anos celebrándose, sempre é un motivo de alegría para todos; un momento grato para estar entre amigos e poder saudarse novamente.

Na sobremesa realizouse o sorteo de regalos e, a media tarde un autobús comezou a levar polas distintas parroquias ós que utilizaron este medio de transporte facilitado polo Concello.