A RESERVA DE BIOSFERA PROTAGONISTA NA FEIRA DE BIOCULTURA

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo é a protagonista da feira de produtos ecolóxicos e turismo sostible BioCultura, que se celebrou desde o venres día 4 de marzo e durante toda a fin de semana  en ExpoCoruña.

Con cerca de 120 expositores e máis de 80 actividades programadas, o evento celebrou a súa terceira edición promovendo o ecoturismo, a moda sostible, a bioconstrución e a alimentación saudable a base de produtos naturais e de cercanía. 

Marcas da Reserva como Orballo, do Concello de Paderne, Acastrexa, Os Biosbardos ou Daterra promocionaron os seus produtos na cita, na que podían atoparse doces, roupa, embutidos e queixos –tamén con opcións para veganos– cosméticos e incluso camas ecolóxicas.

Nesta terceira edición de BioCultura o 47% dos expositores participantes eran galegos. Ademais dos postos de venda, varios “food trucks” ofreceron propostas gastronómicas de todo tipo para degustar in situ.
 
Mariñas Coruñesas participou como o primeiro e único destino de ecoturismo certificado de Galicia presentando varias experiencias como “A Ruta da Auga –por Paderne–“ e a Ruta da Moa e o Pan –en Betanzos–.  César Longo, Vicepresidente da Reserva e Alcalde de Paderne, mostrábase orgulloso de participar no evento e de que esta Reserva sexa o primeiro destino de ecoturismo de Galicia, ademais de contar con moitas empresas que poden presumir de contar co selo que certifica a Marca Reserva de Biosfera.