INTERCAMBIO DE EXPERIENCIAS ENTRE O GALP-GOLFO ÁRTABRO NORTE E O GALP-A MARIÑA ORTEGAL

Os membros da Xunta directiva do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Norte, do que o Alcalde de Paderne é Vicepresidente, realizaron un intercambio de experiencias, o pasado día 5 de maio, co Galp Mariña Ortegal co obxecto de ver o funcionamento doutros GALP galegos e intercambiar, entre todos, ideas para a mellora dos respectivos territorios.

Neste sentido, visitaron empresas do territorio Mariña Ortegal subvencionadas polo seu respectivo Galp.

Entre estas empresas, modelos de explotación dos produtos da zona, estaba Reff Water Coral Farm, en Viveiro. Ideada como granxa-invernadoiro de cultivo e distribución de corais mariños, ven a criar e a investigar con este produto para a súa distribución, tanto a nivel nacional como internacional.

Xove foi outra das localidades nas que está establecida a empresa Conservas artesáns Currican, S.L. creada por 3 mulleres maiores de 45 anos das cales 2 estaban no paro. Nela procésanse e envásanse produtos da pesca do día procedentes das lonxas de Burela, Celeiro e San Ciprián. Seleccionada pola Comisión Europea entre os 42 mellores proxectos financiados por Europa, conseguiu crear emprego a dar valor engadido ós produtos da pesca local.

Maremasma, S.L., empresa creada por un grupo de mozos ós que unía a paixón polo mar. Con sede en Foz, beneficiouse destas axudas con proxectos orientados a actividades de turismo activo relacionadas co mar tales como vela, surf, SUP, kaiak, buceo e snorquel.

Por último, en Ribadeo visitouse a empresa Chocolates Moreno que se dedica á elaboración, comercialización e distribución de bombóns de algas, ademais de outros tipos de chocolates.

Todas elas, iniciativas para as que os emprendedores locais buscaron axuda no Galp do seu territorio e que actualmente están a xerar beneficios e riqueza na zona.

© 2013 Concello de Paderne