EXCURSIÓN A SALAMANCA

A primeira semana de abril, os días 1, 2, 3, 4 e 5, o Concello de Paderne estivo na cidade de Salamanca e arredores cunha excursión na que os participantes, acompañados polo Alcalde, tiveron ocasión de coñecer os encantos que “a Roma chica”, tal e como se coñece á cidade, ofrece ós visitantes.

Lugares emblemáticos cargados de historia, cultura e tradición nos que era fácil imaxinar as historias coas que a guía local ía ilustrando o paseo do grupo polos puntos máis destacados. 

A Casa das Conchas, un dos edificios más singulares pola súa fachada adornada con centos de cunchas de pedra e que data da época dos Reis Católicos; o Palacio de Monterrey, obra cume do Renacemento; o Palacio de Anaya, que alberga á facultade de Filoloxía, o horto de Calixto e Melibea ou a Praza Maior, son algúns dos encantos que posúe.

Pasear polo recinto dunha universidade cos seus case 800 anos de historia e pola que pasaron persoeiros tan ilustres como Miguel de Unamuno o Fray Luís de León, ós que a cidade recorda en distintos puntos, da unha idea da experiencia vivida estes cinco días.

Como a comida forma parte importante da cultura dos pobos, a degustación de produtos típicos estaba tamén contemplada no programa; así un dos días, en lugar de comer no hotel, todo o grupo comeu nun lugar emblemático mesmo ó lado da Casa das Conchas, en pleno centro da cidade, para saborear distintos pratos típicos entre os que se encontraba a “chuleta de la Valmuza”.

Estando en Salamanca non se podía deixar de visitar Alba de Tormes onde se atopa o Museo de Santa Teresa coas súas reliquias e sepulcro.

A Alberca, un dos municipios máis fermosos de España, situado en plena Serra de Francia, na comarca das Batuecas. O seu nome, de orixe árabe que significa depósito de auga, é un dos lugares máis turísticos da provincia pola súa singular beleza e arquitectura.

Tamén se visitou Miranda do Douro; aí, acompañados tamén por guías locais, visitamos o museo etnográfico, a súa basílica, coñecimos esta encantadora localidade e despois fomos a comer a famosa e exquisita “posta mirandesa”. Despois, os Arribes do Douro, cun paseo en catamarán para percibir mellor os cantís  polos que discorre o río Duero, formaron parte do programa que o Concello elaborou para que todos os asistentes levasen un bo recordo destes días.

Por último, a localidade de Toro e o seu Museo do Viño, xa de camiño a Paderne, centraron este último día dunha estupenda excursión.