EXCURSIÓN A SAN SEBASTIÁN E FRANCIA

Despois de cinco días coñecendo distintos puntos do País Vasco e Francia, as persoas que participaron na excursión organizada polo Concello de Paderne na última semana de marzo, volveron á rutina da vida diaria co bo sabor que deixan uns días de vacacións entre amigos e veciños.

Acompañados en todo momento polo Alcalde, comezaron esta visita establecendo a residencia nun hotel céntrico da localidade de Zarautz, unha atractiva vila fundada como tal en 1237 por Fernando III e da que Juan Sebastián Elcano partiu para dar a volta ó mundo.

Desde Zarautz, e bordeando toda a costa a través do seu impresionante paseo marítimo, o grupo achegouse ata a veciña localidade de Getaria, a 3 km.; lugar natal de Elcano onde é recordado cunha estatua nunha das zonas máis elevadas e bonitas de Getaria.

A visita a San Sebastián centrou dous dos días; comezando unha das xornadas vendo o entorno do “Palacio de Miramar”, cos seus bonitos xardíns e as impresionantes vistas da Bahía, a Praia da Concha e a famosa escultura de Chillida “Peine del Viento”.

Isabel II foi a primeira raíña en acudir a tomar os baños a San Sebastián pero Mª Cristina instalou nesta cidade a Corte e o Goberno do país durante os meses de verán arrastrando consigo a gran parte da aristocracia da época deixando testemuña na elegante fisonomía da cidade coa característica decoración da Belle Époque.

O Monte Urgull, o Kursaal, a Ponte de Mª Cristina, foron importantes puntos dos que se puido disfrutar nesta visita sen esquecer a degustación dos espectaculares pintxos e do txacolí nas rúas cercanas ó mercado.

Merecía a pena achegarse ata Francia a visitar as localidades costeiras de Biarritz e San Juan de Luz; espectaculares localidades da rexión de Aquitania famosas tamén por ser lugar de veraneo da aristocracia e a alta burguesía desde os tempos de Eugenia de Montijo, muller de Napoleón III.

A visita programada a unha adega e plantación de txacolí en Getaria, na que ademais se degustaron unhas riquísimas anchoas caseiras do Cantábrico, cautivou a todo o grupo.

E, no viaxe de volta, Castro Urdiales foi parada obrigada. Alí merecía a pena dar un paseo polo seu porto e subir ata a Igrexa de Santa Mª da Asunción, do século XIII sendo a primeira igrexa de estilo gótico construída en Cantabria e desde a que se poden contemplar unhas impresionantes vistas do Cantábrico.

De tarde, parada en Gijón para visitar a Universidade Laboral, emblemático edificio construído nos anos corenta do pasado século como consecuencia dun grave accidente na minería. O seu fin foi o de dar formación e amparo ós fillos das familias afectadas. Actualmente conta cunha ampla oferta cultural e está declarado como Ben de Interese Cultural.

Difícil resumo duns agradables días entre amigos disfrutando da hospitalidade vasca, da súa gastronomía, da súa riqueza histórica e unha marabillosa paisaxe.

© 2013 Concello de Paderne