EXCURSIÓN A CATALUÑA
A última semana de setembro o Concello de Paderne realizou a excursión programada ás provincias de Tarragona e Barcelona. O Alcalde compartiu cos veciños uns agradables días nesta comarca catalana recorrendo distintos puntos.
Con base en Salou, visitouse Tarragona, Barcelona, Reus, Sitges, El Vendrell e Cambrils. Impresionantes lugares nos que, ademais de seguir coñecendo distintas localidades da xeografía española, puidemos apreciar as pegadas que a historia foi deixando polos distintos lugares do territorio. Arquitectura, gastronomía, paisaxe, formas de coñecer e apreciar as distintas caras do noso país que nos axudan a saber valoralo a través da súa diversidade e riqueza.
Visitamos a comarca do Penedés e achegámonos a coñecer unha adega na que, ademais de probar os seus caldos e os exquisitos vinagres que está a elaborar, puidemos sentir a historia entre unhas viñas nas que se atopan os vestixios do que no seu día foi a Vía Augusta romana que conectaba Roma coas principais cidades mediterráneas.
Paseamos por Tarragona, antiga Tarraco, declarada Patrimonio da Humanidade. Aquí puidemos admirar os restos do antigo anfiteatro romano e outros puntos estratéxicos da cidade como o Balcón do Mediterráneo.
En Barcelona realizamos unha panorámica desde a Estatua de Colón achegámonos ó Porto Olímpico e realizamos un paseo por distintos puntos da cidade ata desembocar en Montjuic coas súas impresionantes vistas. As Ramblas e o famoso mercado da Boquería remataron esta visita a Barcelona.
Reus, cuna de Gaudí, así como Sitges e Cambrils, destacados enclaves da costa catalana, axudaron a que esta semana de vacacións cos veciños, se recorde con especial agrado.