EXCURSIÓN A BILBAO

Do 19 ó 23 de setembro, un grupo de persoas de Paderne acompañadas polo Alcalde, viaxaron ata o País Vasco co fin de coñecer e disfrutar da cidade de Bilbao así como dalgunhas localidades cercanas.

Percorrendo as distintas zonas da cidade na que as sucesivas transformacións foron coidando ó máximo a súa estética e a esencia das tradicións, coñeceron as sucesivas remodelacións e puideron disfrutar dos moitos atractivos que hoxe en día presenta; desde a zona do Guggenheim na que se atopa tamén unha representación da mascota da cidade, o novo estadio de San Mamés, o Mercado da Ribera e as distintas rúas nas que degustaron os típicos pintxos e o viño foron disfrutando así zona a zona durante todos estes días.

A visita obrigada ó Monte Artxanda, desde o que se contempla unha gran panorámica da cidade acompañados por un guía local, foi outro dos grandes momentos vividos admirando os grandes espazos que neste entorno están dedicados ó ocio e recreo visual.

Portugalete, Getxo, Guernika, Zumárraga, Bermeo e o Santuario de Loyola, no Val de Urola,  completaron estes agradables días no País Vasco.

O regreso realizouse por Burgos facendo unha parada para ver as  Salinas de Añana das que se ten constancia documentada desde o ano 822. Logo, visita á espectacular cidade de Frías, a cidade máis pequena de España, enmarcada no imponente pico Humión. Merecía a pena o paseo ós pes do castelo, poder contemplar as casas colgantes e admirar o ben conservado casco histórico.

Unha excursión de gran atractivo turístico e cultural que de seguro deixará un grato recordo nas persoas que a viviron.