OS PEQUENIÑOS DAS ESCOLAS PARTICIPARON NA PLANTACIÓN DE CEPAS DE BRANCO LEXÍTIMO
Os pequeniños das Escolas de Educación Infantil de Paderne acudiron novamente ás instalacións da Aula da Ría, en Chantada, para participar na plantación de cepas de Branco Lexítimo, unha variedade que, baixo a denominación Branca Lexítima, foi datada en Paderne por García de los Salmones en 1914.
O Alcalde, César Longo, elixiu o exterior das instalacións da Aula da Ría de Chantada por ser unha ubicación perfecta na que as características do solo e a orientación, fan dela un lugar perfecto para conservar nun espazo municipal exemplares dunha variedade propia de Paderne e que con tanto mimo se coida.
Os responsables da adega “Pagos de Brigante” foron os encargados de realizar esta interesante actividade que tiña por obxectivo divulgar, desde as primeiras idades, o coñecemento do cultivo do Branco Lexítimo.
Luís Sande e Maruxa, da adega Pagos de Brigante que está a recuperar o viñedo tradicional da comarca das Mariñas, no Concello de Paderne, realizaron a plantación de 6 cepas de Branco Lexítimo despois de dar unha pequena charla aos nenos sobre as partes da planta, as enfermidades que as afectan e os tratamentos que se lles poden aplicar.
No exterior, foron explicando como se plantan as vides, distancias de plantación, tipo de solo e os coidados que se lles deben proporcionar para lograr unha boa produción.
Unha experiencia distinta que César Longo ten especial interese en que sexa vivida polos pequeniños e así, a través dela, poder transmitirlles as potencialidades e riquezas do seu Concello.