O ENTROIDO SAMEDE SEGUE A MANTER VIVAS AS TRADICIÓNS POPULARES

Este ano, acudiu moitísima xente e foi moi gratificante ver que todo o mundo entendeu o concepto do que é un Entroido tradicional xa que ninguén veu disfrazado, senón vestidos ò xeito tradicional.

Tendo como punto de encontro a Capela de San Mamede, ás 12:00 h deu comezo esta popular celebración o pasado 26 de febreiro, na aldea de San Mamede do Concello de Paderne.

Comezou a xornada coa lectura do pregón a cargo de Manuela do Curro, unha nena de 8 anos, que realizou magnificamente a tarefa encomendada. 
O Alcalde de Paderne, César Longo, tivo unhas emotivas palabras para tódolos alí presentes facendo alusión á magnífica labor de recuperación por parte da Asociación Entroido Samede, á conservación das tradicións e a súa posta en valor, desexándolles seguir con eses logros e co recoñecemento que tanto merecen.
Miluca de Moreira, como Embaixadora do Entroido e parte fundamental deste traballo, a pesares de sufrir unha gran afonía, non podía deixar de pronunciar unhas palabras de agradecemento a tódolos asistentes e de orgullo polos logros acadados. 
Continuouse co recorrido pola aldea  de Máscaras e Vixigueiros para volver á Capela e bailar, primeiro a MUIÑEIRIÑA, con participación dun gran número de nenos da aldea e da contorna e, despois, a Muiñeira Cruzada onde bailaron 16 parellas . 
O grupo "No Combaro" das Pontes, encargouse de tocar a Muiñeira de Piadela para o baile da danza e despois sesión vermú a cargo do mesmo grupo. 
Ás 16:30h tivo lugar a representación do "Enterro do Policarpio" con numerosas personaxes que fixeron rír aos asistentes.