ENTROIDO EN PADERNE

Orixinalidade, alegría e tamén tradición foron os principais ingredientes que este pasado día 1 de marzo se deron cita en O Telleiro, Paderne, para a celebración da festividade do Entroido.

Comparsas e disfraces individuais con temáticas diversas encheron a carpa que o Concello instalou neste campo para o enterro da sardiña; así, a partires das 20:30 h, comezaron a chegar veciños e acompañantes para disfrutar dunha noite na que non faltaron a comida e a bebida pero, sobre todo, o bo humor, que fixo da festa un momento moi agradable para o recordo.

As gaitas de San Pantaleón axudaron coa calidade que os caracteriza, a ambientar a festa disfrazados para a ocasión facendo que todos os alí presentes se contaxiasen cos sons das gaitas.

Como cada ano, destacaron  as distintas comparsas que, con temáticas variadas e ambientados con distintos ritmos musicais, levantaron os aplausos de todos. Así, e gracias tanto as comparsas como ós disfraces individuais, as risas e a alegría non faltaron en ningún momento no Telleiro.

Os premios para os tres mellores nas modalidades de grupos e individual, ademais do premio especial ó mellor disfraz infantil, foron pequenos incentivos, que o Alcalde e o Tenente Alcalde, entregaron ós gañadores seleccionados polo xurado de entre as persoas que colaboraron coa súa imaxinación a facer deste día un recordo divertido que compartir.

 

 

 

© 2013 Concello de Paderne