PROMOCIÓN DAS EMPRESAS DE PADERNE EN FITUR

Aproveitando a Feira Internacional de Turismo (FITUR) inaugurada en Madrid este pasado 22 de xaneiro e formando parte da representación que tivo na mesma a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo da que é Vicepresidente, o Alcalde de Paderne, César Longo, estivo promocionando en Madrid as empresas de Paderne cunha mostra da oferta que o visitante pode atopar no municipio.

Como exemplo dos proxectos de calidade que se están a desenvolver  ó amparo da Reserva de Biosfera, César Longo mostrou con orgullo información sobre as empresas de ocio e tempo libre, turismo rural, queixos, viños e tés e plantas aromáticas como primeira empresa con selo de calidade que conta con este distintivo para produtos do territorio, constituíndo así un bo exemplo dos grandes proxectos que se están a desenvolver.

Nesta cita, o organismo oficial Turespaña, veu a distinguir á Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo polo seu estreo como destino SICTED certificado, sendo a primeira, a nivel mundial, en empregar esta metodoloxía para a concesión de marcas de calidade turísticas o que ven a supoñer un gran recoñecemento ó traballo realizado.

Coas ideas claras de seguir potenciando a marca de calidade, desde a Reserva séguese a concienciar ás empresas, de hostalería, alimentación ou agroturismo entre outras, para que se sumen a este novo concepto e acadar así proxectos que compatibilicen o desenvolvemento rural co turismo xerando riqueza para a poboación.