SINATURA DO CONVENIO DE COLABORACIÓN PARA O FINANCIAMENTO DO PROGRAMA “EMPRENDE NA BIOSFERA”

O Alcalde de Paderne e Vicepresidente da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, César Longo, estivo presente na sinatura do convenio de colaboración, o pasado venres día 24 de novembro, entre o deputado de Promoción Económica e Emprego da Deputación da Coruña, José Luis García, e o Presidente da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e Alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso.

O convenio de colaboración asinado, ten como obxectivo o financiamento do programa “Emprende na Biosfera” de apoio ós proxectos emprendedores que teñan como base o aproveitamento sostible dos recursos rurais, do mar e do litoral.

Conta cun orzamento de 56.250 € e durante un ano, dentro das accións previstas, están a impartición de cursos formativos, accións de titorización, acompañamento de proxectos e a posta en marcha de marcas de calidade.

Este acordo ven a reforzar as accións que están a levar a cabo, tanto desde a Reserva da Biosfera como desde a Deputación da Coruña de fomento de emprendemento no ámbito rural e de favorecer a posta en marcha de novas iniciativas empresariais, principalmente vinculadas ó sector agroalimentario nos 17 concellos que compoñen este espazo.

A Reserva da Biosfera leva cinco anos poñendo en práctica accións deste tipo en colaboración con outras institucións como a Xunta de Galicia. Así, iniciativas como “Emprende na Biosfera”, súmase a outras como os obradoiros de emprego que neste momento se están a desenvolver nos concellos de Abegondo, Bergondo, Betanzos, Carral, Oza-Cesuras e Paderne e que forman a 20 emprendedores.

Grazas a este tipo de iniciativas, nos últimos catro anos 400 mozos recibiron unha formación que lles posibilitou a posta en marcha de proxectos empresariais.

Todos os indicadores apuntan que se trata do camiño a seguir e polo que, César Longo, está apostando de maneira máis firme.

 

© 2013 Concello de Paderne