A RESERVA DE BIOSFERA MARIÑAS CORUÑESAS E TERRAS DO MANDEO SERÁ A SEDE DA PRINCIPAL CITA DO ECOTURISMO NACIONAL EN 2022

Mariñas Coruñesas logra traer a Galicia en 2022 a principal cita estatal do ecoturismo o “VI Congreso de Ecoturismo de España” sendo a primeira vez que se realice en territorio galego. 
O anuncio realizouse este día 20 de outubro en Menorca no marco do V Congreso Nacional de Ecoturismo. Suporá a participación de 300 expertos a nivel nacional e internacional en materia de ecoturismo e "servirá como un auténtico escaparate da oferta e do potencial dos 17 municipios Unha auténtica oportunidade para posicionar ao noso territorio e a Galicia na vangarda mundial do Ecoturismo", segundo asegurou o Presidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e Alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, que participou no V Congreso Nacional de Ecoturismo que do 19 ao 21 de outubro se celebra en Menorca, acompañado polo Vicepresidente da Reserva e Alcalde de Paderne, César Longo, e o técnico da mesma, Diego López.
Pola súa parte, o Vicepresidente, César Longo, apuntou ao "apoio indiscutible" que suporá para as empresas do territorio a celebración do congreso. "Situarnos como referentes do ecoturismo é propiciar o desenvolvemento local", sinalou.
Mariñas Coruñesas, que é o primeiro destino certificado de ecoturismo de Galicia, presentou unha candidatura con un gran apoio do empresariado turístico, así como dos axentes sociais e o sector turístico, ademais da gran colaboración e compromisos económicos por parte da Axencia de Turismo de Galicia, da Deputación da Coruña e da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia. 
A candidatura de Mariñas Coruñesas sobresaíu por apostar por accións que garantan a sustentabilidade do evento. Será un Congreso Neutro en Carbono, aplicando medidas para reducir a Pegada de Carbono do evento, cun cálculo da mesma e a súa compensación no territorio. A organización apostará, ademais, pola utilización de materiais biodegradables, compostables e reciclados, diminuíndo o uso de plásticos, e contempla a contribución a un proxecto local. 
A Reserva cumpre os requisitos marcados polo Club de Ecoturismo de España: dispor de espazos que poidan acoller a máis de 200 persoas en plenario durante a súa celebración e contar con un número relevante de empresas certificadas actualmente no Club de Ecoturismo Estatal. 
Proporá diversos proxectos de mellora, sendo os congresistas e visitantes os encargados de elixir a iniciativa local de conservación do desenvolvemento local ao cal contribuír. Santiso e Longo manifestaron en Menorca o "profundo agradecemento" de Mariñas Coruñesas pola elección da candidatura: "Será un honor recibir a cita e tratar de continuar coa calidade que se está demostrando na actual".