O CONCELLO DE PADERNE COLABORA COA CAMPAÑA SOLIDARIA “SUMATEDOASANGUE”

O Concello de Paderne e a Axencia Galega de Doazón de Sangue e Órganos (ADOS), impulsan de novo a participación nas campañas de doazón de sangue para garantir a labor dos hospitais galegos que precisan preto de 10.000 doazóns de sangue cada mes para atender a tódolos doentes.

O verán é a época de maior dificultade para a doazón de sangue. Os enfermos ingresados nos hospitais galegos seguen a precisar a solidariedade dos veciños e, por iso, o Concello distribuirá unha carta informativa.

Poden doar sangue as persoas de entre 18 e 65 anos que pesen máis de 50 quilos. O persoal sanitario revisará a saúde de todos aqueles que se acheguen ata a unidade móbil de ADOS antes de levar a cabo a doazón.

O Concello de Paderne acadou o pasado ano 2016, unha taxa de 7 doazóns por cada 1.000 habitantes; o obxectivo é incrementar a participación e acadar as cifras que recomenda a Organización Mundial da Saúde que é de 40-60 doazóns por cada 1.000 habitantes.

Queremos facer un agradecemento especial ás persoas que cada ano participan nestas campañas. Grazas a este xesto solidario, os hospitais atenden aos enfermos de cancro e leucemia e levan a cabo, cada día, unha media de 2.700 urxencias, 500 intervencións cirúrxicas e 3 transplantes de órganos e tecidos.

No verán os enfermos non toman vacacións e, moitas persoas, dependen deste xesto solidario para recuperar a súa saúde.

Así, pedimos a tódolos veciños que poidan doar, acudan o xoves 20 de xullo ata a unidade móbil que estará en Paderne, ó carón da Casa do Concello, de 10:00 a 14:00 horas e, en San Pantaleón de 16:00 a 21:00 horas.

Precisamos únicamente 10 minutos para salvar a vida dunha persoa.

© 2013 Concello de Paderne