OBTENCIÓN DO DISTINTIVO DE CALIDADE DA RESERVA DE BIOSFERA

Un dos importantes e ambiciosos obxectivos da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, era o de impulsar unha Marca de Calidade que distinguira e diferenciara os produtos do seu territorio. Isto leva implícitas unhas premisas básicas de conservación do medio ambiente e de mellora da calidade de vida en harmonía co desenvolvemento da economía rural.

Este pasado 7 de xuño isto veuse concretado coa entrega dos primeiros certificados de marca de calidade a tres empresas da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, converténdose na primeira de España que conta con este distintivo para produtos do seu territorio.

As empresas que recibiron estes tres primeiros certificados de calidade foron A Castrexa, que se dedica á elaboración de marmeladas, conservas vexetais e zumes, Daterra, que produce pataca kennebec e cebola chata e a empresa Orballo, dedicada á produción de tés ecolóxicos, infusións, arroces, herbas aromáticas e especias.

O Alcalde de Paderne e Vicepresidente desta Reserva de Biosfera, César longo, participou orgulloso no evento que se celebrou na sede da empresa Orballo, en Donín Paderne, mostrando a súa satisfacción polo traballo que están a realizar e que foi merecedor desta importante distinción, non só a nivel estatal senón tamén a nivel mundial dado que foi a primeira reserva do planeta en recibir estes certificados.

A encargada de entregalos foi a responsable de Ecoloxía e Biodiversidade da Unesco; o Presidente desta Reserva de Biosfera, salientou os logros acadados nestes cinco anos de andadura desde o nomeamento realizado pola Unesco en París no que tamén estivo o Alcalde de Paderne César Longo.

Todos destacaron o gran traballo e esforzo que se está a realizar en favor do medio ambiente, de loita contra a desertización do rural revalorizando este medio e de impulso á economía, polo que consideran que se está a levar un bo camiño para a defensa do territorio.