DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2021

Foi no ano 1963, centenario da publicación de “Cantares Galegos” de Rosalía de Castro, cando se instaurou o 17 de maio como o Día das Letras Galegas; un día no que a cultura do noso país se une para resaltar a obra dunha figura literaria elixida pola Real Academia Galega.

Nesta edición, é Xela Arias (Lugo 1962 – Vigo 2003); escritora, poeta, tradutora e mestra. Persoa comprometida e transgresora fóra dos convencionalismos da época; pertencente a unha xeración que, nos anos 80, renovou a poesía galega.

Do 3 ao 10 de maio estará exposta ao público na Casa Consistorial a exposición “Aquela nena de Sarria”, proxecto desenvolvido polo colectivo Egeria baixo o patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, a colaboración do Concello de Sarria e da Real Academia Galega. Tódalas persoas que o desexen poderán pasar a visitala gardando as medidas sanitarias derivadas do Covid-19.

Botaremos en falta os actos que cada ano viñamos a celebrar no Campo da Escola, en Insua (Viñas) pero seguiremos coidándonos para que a nosa programación cultural se poida recuperar o antes posible.

A continuación recordamos a vida e obra desta autora.