DÍA DAS LETRAS GALEGAS

No Día das Letras Galegas, o Concello de Paderne realiza cada ano, unha homenaxe á cultura da nosa Comunidade achegando ás persoas do municipio a figura elixida pola Real Academia Galega.

Nesta ocasión foi Mª Victoria Moreno Márquez, unha escritora que, sen ter nacido en Galicia, amou tanto esta terra e fixo tanto pola literatura, sobre todo a xuvenil, que foi merecedora de acadar este recoñecemento pasando así a formar parte dos persoeiros ilustres que nesta data veñen a quedar sinalados na cultura galega.

Tal e como sinalou o Alcalde nas súas palabras de recordo para esta escritora, a súa entrega e amor pola lingua galega, fixeron dela unha defensora comprometida co idioma en tempos nos que non era doado manifestar tanta paixón por esta causa.

O acto, celebrado na Praza do Campo da Escola, en Insua, concentrou á maioría dos veciños da parroquia e a moitos outros do Concello que quixeron sumarse a esta festa.

A Escola de Gaitas San Pantaleón e a coral Alcoa-Inespal puxeron as notas musicais ó acto no que o Alcalde e o Concelleiro de Benestar Social recordaron á escritora, a súa biografía e a aportación pola cal foi merecedora desta homenaxe.

Un día de festa soleado no que os veciños charlaron animadamente compartindo, ó remate do mesmo, un viño de Paderne e uns pinchos na praza.