DÍA DA FAMILIA

Rematou unha nova edición do Día da Familia no Concello de Paderne este pasado 27 de agosto contando coa asistencia dun gran número de familias que se uniron para pasar unha agradable xornada disfrutando da compañía de outras moitas persoas do Concello.

No comezo da comida, o Alcalde deulles a benvida agradecendo a súa participación neste día tan sinalado e, xa pola tarde, foi saudando mesa por mesa a tódolos asistentes.

Coa comida como punto central do día, as persoas que asistiron contaron con espazos pensados para o entretemento de todos; así, e partindo da degustación gratuíta de caza e viño de Paderne ó tempo que soaban as gaitas, todos os que o desexaron puideron participar dos xogos de mesa que o Concello proporcionaba no momento dos postres.

No exterior da carpa os nenos e nenas tiveron inchables, o toro mecánico e a festa da espuma na que participaron masivamente. Outro dos atractivos foron os xogos tradicionais tales como as carreiras de sacos e os campionatos de atletismo recibindo, ó final da xornada, placas de recordo para os gañadores dos campionatos e medallas para tódolos participantes.

A charanga animou durante a tarde e, á noitiña, comezou a música de baile para todos con un pequeno descanso para servir a queimada, entregar os premios e disfrutar dos fogos artificiais.

Un día moi agradable no que todo o mundo puido pasalo ben na compañía dos seus invitados e veciños.