DÍA DA FAMILIA 2019

O día 31 de agosto, último sábado do mes, é a data na que o Concello de Paderne ten previsto realizar o Día da Familia; unha celebración que comezou no 2005 coa intención de reunir ás familias de Paderne para comer xuntos e pasar unha agradable xornada de convivencia.

Como tódolos anos, a partires das 13:30 h, as familias e os seus invitados poderán achegarse ata a carpa, situada no campo de O Telleiro, na que estará todo preparado para recibir ós asistentes.

Música, actividades diversas para nenos como os inchables, a festa da espuma ou o toro mecánico, ademais de xogos diversos ó aire libre, xogos de mesa para maiores, xunto coas tradicionais degustacións de caza, viño e queimada, estarán preparados coa intención de que todos pasen un agradable día de festa.

Este ano, e como novidade, realizarase un sorteo de grandes lotes con produtos da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo entre as familias que teñan reservado o seu espazo para a comida dentro da carpa. Este sorteo, ademais de poñer en valor o gran traballo que os nosos produtores están realizando coa materia prima que se está a elaborar en Paderne, quere premiar o esforzo das familias pola convivencia.

Con todos estes atractivos, desde o Concello anímase ás familias a participar deste gran Día de festa e unión para todos reservando o seu sitio antes do 27 de agosto chamando por teléfono ás oficinas municipais.