DÍA DA FAMILIA

Este pasado día 26 de agosto tivo lugar en Paderne unha nova edición do Día da Familia.

Foi no ano 2005 cando o Alcalde, César Longo, instaurou este evento como unha celebración importante a incluír na programación municipal. Unha data que simboliza a unión de tódalas familias do Concello fomentando e coidando uns valores moi importantes para a nosa comunidade.

Este día, as familias de Paderne e os seus invitados, comparten unha xornada chea de atractivas e moi diversas actividades pensadas para que as persoas que asisten, de tódalas idades, pasen un agradable día cheo de bos recordos.

A cita é ó medio día; cada familia trae a súa comida e, mentres van chegando, poden degustar un pouco de caza que prepara o Concello grazas á doazón que realiza o Coto de Caza de Paderne.

O Alcalde ten sempre unhas palabras de benvida para tódolos asistentes; nesta ocasión, ademais de agradecer a súa presenza e desexarlles a todos unha boa celebración, tivo unhas cariñosas palabras de recordo para algunhas das familias que, sendo habituais, nesta ocasión non puideron estar.

Como todo está pensado para que os asistentes disfruten, hai xogos de mesa para maiores que se reparten ó rematar a comida; os nenos teñen no exterior da carpa moitos atractivos para divertirse durante toda a tarde. Ós xogos tradicionais hai que engadir os inchables, o toro mecánico e a festa da espuma.

A media tarde, un recital de habaneras e boleros fixo as delicias de todos. Mentres, os nenos no campo de fútbol, recibían unhas camisetas de recordo que logo todos lucían no momento no que o Alcalde e a concelleira de Cultura lles entregaron as medallas e os trofeos.

Como remate, unha sesión de baile e fogos artificiais serviron de colofón para este Día da Familia en Paderne.

© 2013 Concello de Paderne