DATOS DE INTERESE

Seguindo con este breve repaso histórico, temos constancia da visita que en 1779 realizou o presidente dos Estados Unidos, John Adams ó noso municipio nunha carta que remitiu á súa muller; nela describía a zona de Ponte do Porco, lugar no que parou a comer, como unha terra fértil cultivada desde o alto do monte ata a veira do mar.

Subindo polo río Lambre están entre unha bonita paisaxe de ríos e arboredas, as ruínas duns grandes muíños, que os naturais chaman da Misericordia, os documentos noméanos muíños do rei, e outros din “de Bermúdez”. Estes muíños, son varias edificacións ó parecer de tres épocas distintas do século XVIII, di a tradición do lugar que se moía trigo para as fariñas do Arsenal de Ferrol. As fariñas chegaban ata alí nunha dorna, porque nas costumes da molinería antiga, incluíase o prezo da maquía no transporte do grao ata o muíño e a colocación da fariña na casa do cliente.

Os muíños estaban ben situados, preto do camiño pola Ponte do Porco, que unía Ferrol e Betanzos.O grupo de muíños do Rei presentábase como un longo rectángulo, aliñado tras a beira do río, entre grandes árbores, mostrando os 16 ollos dos arcos da saída dos seus canles. A porta pequena no centro leva unha inscrición tan borrada que só se adiviña o nome de Bermúdez.
Ditas edificacións sufriron modificacións importantes en torno a 1845.

Volvendo atrás no tempo debemos sinala-lo apelido dos “Vilousaz” atopado nuns escritos do século XVI como pertencente a unha familia con títulos nobiliarios que exerceu o seu señorío a través de grande parte da comarca das Mariñas, aparecendo escudos desta liñaxe en pazos e casas da comarca, dando lugar posteriormente ó nome de Velouzás. O que non está clara é a ubicación da súa casa matriz, aínda que parece situarse no lugar do Tercio xa que nalgunhas das súas casas apareceron escudos heráldicos que por mor do deterioro do tempo resultan practicamente irrecoñecibles.

 

A comezos do 1800 celebrábase, cerca do ramal que conduce á igrexa de Velouzás, a antiga Feira do 27, contando co momento de máximo apoxeo sobre o 1825 para, na década do 1930, deixar de celebrarse coincidindo precisamente coa apertura da actual estrada que vai a Betanzos.

O século XIX foi o que trouxo a municipalidade para Paderne. A teor da reestructuración feita tralo Antigo Réxime, no que as parroquias pertencían a tres xurisdiccións distintas, constitúese o Concello de Paderne coas parroquias actuais, pasando antes por unha etapa de transición, xa que en 1831 figuraba o actual municipio dividido en dous, o de Vigo e o de Quintas. No ano 1842 estivo a punto de desaparece-lo Concello e ser absorbido por Betanzos por mor dunha reducción de municipios, pero finalmente non se levou a cabo.

Xa no século XX a construcción da Ponte do Pedrido, deseñada por Eduardo Torroja Miret, marcou un fito na vida das xentes da nosa comarca, tanto polo que supuxo en canto a comunicacións como polos avances que se empregaron na súa construcción que data do ano 1940, inaugurándose o 16 de abril de 1943 facilitando así a comunicación entre as marxes da ría, ata daquela unida mediante un servicio de pasaxe, actividade que tamén bautizaba a esta ponte.

Como reseña histórica importante, citar que Frei Martín Sarmiento, utilizou este servicio de pasaxe na súa viaxe de 1745.

A construcción da actual Casa do Concello comeza a principios do século XX, nunha superficie de 340 m2 rematando no ano 1927 sendo alcalde José María Pérez González. Esta edificación sufriu varias reformas, a última rematada no ano 2001 sendo alcalde César Longo Queijo.

 

 

© 2013 Concello de Paderne