CRUCEIRO DE SANTA MARÍA DE SOUTO

A súa situación está no atrio-cementerio da igrexa parroquial de Santa María de Souto.

A súa plataforma ten dúas gradas de forma cuadrangular. O pedestal ten forma cúbica e aristas altas biseladas.

A columna de forma cuadrangular-octogonal-cuadrangular con biselado de aristas en forma de frecha.

O capitel é amplo, ten forma tronco-prismática, de estilo neoclásico e con adornos de grecas estriadas nas caras. A cruz ten paos octogonais por lixeiro rebaixe de aristas, extremos potenzados.

No seu anverso ten un Cristo crucificado coas pernas moi flexionadas e pano anudado á dereita.

Polo reverso da cruz, podemos ver á Virxe dos Dolores, en actitude recollida coas mans sobre o peito, tocada de manto e túnica colocada sobre peana en forma de nube.

É unha obra actual, realizada en pedra moi branca e de grao fino.

© 2013 Concello de Paderne