A RESERVA DE BIOSFERA AVANZA NO SEU PROXECTO DE RESTAURACIÓN DE CORREDORES FLUVIAIS DA REDE NATURA
A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, avanza cos traballos de restauración e recuperación de hábitats fluviais dos espazos na Rede Natura realizados dentro do programa LIFE Fluvial; traballos que recibiron a visita de representantes da Xunta de Galicia este pasado 16 de febreiro.
Estiveron presentes a Directora Xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, o Presidente das Mariñas Coruñesas e Alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, o Vicepresidente e Alcalde de Paderne, César Longo, o Alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, a Concelleira de Medio Ambiente, Patricia Parcero, o Secretario do Comité Nacional de Reservas de Biosfera, Pablo Ramil, representantes de Emalcsa, ademais de persoal técnico do grupo naturalista Hábitat.
As actuacións intentan contribuír a mitigar a expansión de especies exóticas invasoras en medios clave para a conservación da biodiversidade e dentro da zona protexida da Rede Natura como o embalse de Cecebre, a zona do Miodelo en Bergondo ou os bancos marisqueiros de Paderne, na ría de Betanzos.
Trala eliminación das especies exóticas invasoras, favorécese o desenvolvemento de vexetación nativa buscando o aumento da superficie ocupada polos hábitats dos corredores fluviais.
Na visita destacouse o traballo exemplar que se está a realizar dentro da Reserva coruñesa e presentáronse as liñas de axudas, tanto para as Reservas de Biosfera, como para os concellos incluídos nelas.