A RESERVA DE BIOSFERA MARIÑAS CORUÑESAS E TERRAS DO MANDEO PARTIPA NO VIII CONGRESO DA REDE MUNDIAL DE RESERVAS DE BIOSFERA, ILLAS E ZONAS COSTEIRAS EN MENORCA

Do 22 ó 26 de maio está a celebrarse en Mahón, capital da illa de Menorca (Illas Baleares), o VIII Congreso da Rede Mundial de Reservas de Biosfera, Illas e Zonas Costeiras contando coa participación de representantes de 48 reservas de 33 países.

Está organizado conxuntamente pola Secretaría MaB UNESCO, pola Axencia Menorca Reserva de Biosfera, polo Organismo Autónomo de Parques Nacionais (OAPN) do Ministerio de Agricultura, Alimentación, Pesca e Medio Ambiente de España e a Reserva de Biosfera de Jeju (Corea).

As xornadas están centradas en temas de gran importancia para o medio ambiente como son os sistemas de indicadores, adaptación ó cambio climático, normativa, financiación de reservas de biosfera e Marca RB, turismo, vectores ambientais tales como enerxía, auga e residuos, xestión da biodiversidade, restauración de ecosistemas, poboación, desenvolvemento local e xestión do medio mariño.

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, parte integrante deste Congreso, está representada polo seu Presidente e Alcalde de Abegondo José Antonio Santiso, polo Vicepresidente e Alcalde de Paderne César Longo, así como polo Xerente Jorge Blanco que teñen como un dos seus obxectivos expoñer o proxecto LIFE Fluvial como exemplo de recuperación de corredores fluviais.

Outro dos obxectivos importantes é o de estudiar modelos de desenvolvemento que están a levar a cabo en Menorca co fin de trasladalos ó territorio Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Un deles, o contrato agrario que a illa balear acordou cos propietarios das parcelas, está a ser obxecto de estudo e valoración para a produción de produtos locais que impulsen o traballo no campo e xeren riqueza nesta zona de gran potencial.

“O Presidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e Alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, o Director de Ecoloxía e Ciencias da Terra da UNESCO, Miguel Clusener-Godt e o Vicepresidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e Alcalde de Paderne, César Longo “