ACTO FINAL DE COOPERACIÓN ENTRE O GALP GOLFO ÁRTABRO NORTE E O GALP A MARIÑA-ORTEGAL

Este pasado xoves 13 de decembro, o Alcalde de Paderne e Vicepresidente do GALP Golfo Ártabro Norte, César Longo, presidiu o acto de presentación das accións desenvolvidas no proxecto de colaboración entre o GALP Golfo Ártabro Norte e o GALP A Mariña-Ortegal, xunto co Vicepresidente do GALP A Mariña-Ortegal, o Tenente-Alcalde e Concelleiro do Mar do Concello de Viveiro e a Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, estando as explicacións da parte técnica a cargo do representante da empresa executora do proxecto.

As dependencias do Hotel Thalasso Las Sirenas, en Covas, Viveiro, serviron de marco para o desenvolvemento do encontro, no que se mostraron as accións levadas a cabo a través desta cooperación conxunta, que tivo como finalidade impulsar as relacións interterritoriais do turismo mariñeiro como ferramenta para a dinamización da economía da zona.

Unha das importantes medidas adoptadas, foi a creación de 10 itinerarios turísticos vinculados coas empresas e entidades que ofrecen servizos turísticos relacionados co mar, sacando así partido a un importante valor xerador de riqueza da zona.

Outra das accións importantes desenvolvidas no transcurso desta cooperación, foron os obradoiros demostrativos dos oficios vinculados coa tradición mariñeira recuperando, para os máis novos, os usos e costumes que formaban o día a día das xentes do mar.

Sacando partido ás novas tecnoloxías, presentouse unha produción audiovisual promocional como ferramenta divulgativa para toda a poboación.

Coa entrega de diplomas ós gañadores e participantes no programa de produción audiovisual, por parte dos Vicepresidentes dos Galp, pechouse este acto de presentación final do proxecto “Galicia Norte, Mares de Experiencias”.