ACTIVIDADES NA AULA DA RÍA COS NENOS E NENAS DE EDUCACIÓN PRIMARIA DO CONCELLO

O Programa Medioambiental de ACTIVIDADES NA AULA DA RÍA que se está a desenvolver no Concello de Paderne, ademais de contemplar a divulgación dos seus contidos entre os pequeniños das escolas, realizou xa varias das súas actividades cos nenos e nenas de Educación Primaria. 
As actividades que forman parte do programa, están incluídas no proxecto “Adecuación e rexeneración do patrimonio medioambiental e accesos a zonas marisqueiras” ao abeiro das axudas Golfo Ártabro Norte.

Un dos obxectivos é o de dar a coñecer máis en profundidade as  peculiaridades e características dalgunhas das especies que habitan no noso territorio, ademais de fomentar o respecto e coidado do medio ambiente.

Así, as instalacións da Aula da Ría  foron, os días 11, 12 e 13 de abril, un lugar de coñecemento do medio, de realización de actividades, de divulgación das nosas tradicións e cultura e, por suposto, de xogo.

As actividades, impartidas por persoal especializado en temas medioambientais foron as seguintes: “Hoteis de insectos”, “Refuxios de fauna útil” e “Observación de aves”.

Para realizar a observación de aves era imprescindible o desprazamento ao Observatorio de Aves, na ribeira de Souto. Alí puideron observar garzas, patos e outras aves utilizando os prismáticos e telescopios.

Tamén resultou moi interesante a pequena visita a algúns dos espazos restaurados na aldea de Chantada, como o Potro ou o Muíño de Castelos coa fonte e o lavadoiro. Resultou moi ilustrativo para eles coñecer os usos que antigamente se facía de cada un deles.

Xornadas, nas que puideron adquirir un coñecemento directo do entorno no que vivimos.