Paderne constrúe un programa para adultos con máis de media ducia de actividades e novidosos talleres

  • O programa contempla diferentes actividades físicas, manuais, artísticas e de cocina que comezarán na segunda quincena de outubro
  • Os talleres, de menor duración, ofrecerán disciplinas como informática ou arte floral. O primeiro será en novembro 

Máis dunha ducia de actividades e talleres compoñen o programa de cursos culturais e deportivos para adultos que o Concello de Paderne ofrece cara o ciclo académico 2023-2024. Un ciclo que, neste sentido, arrincará na segunda quincena de outubro e se pechará a mediados de xuño do 2024.

No tocante as actividades anuais, Paderne dispón dunha oferta composta por pilates, aerobic/zumba, baile, cociña, restauración e pintura e manualidades. Tamén continúan as habituais de ximnasia, labores e corte, que non sofren ningunha modificación. Todas elas levaranse a cabo en horario de tarde, de luns a venres, en Paderne (local o biblioteca), Adragonte, Quintas, Souto, Velouzas, Vilamourel ou Viñas.

Por outra banda, ao longo do curso o Concello organizará catro talleres de menor duración cas actividades e unha periodicidade de unha sesión semanal. O primeiro deles é o de iniciación á informática, previsto para os meses de novembro e decembro. O de cestería desenvolverase de febreiro a abril. Tanto o de tratamentos naturais como o de arte floral terán unha duración total dun mes. O primeiro deles terá lugar en marzo e o segundo, en maio.

“Ofrecemos un conxunto de actividades para maiores diversas, que permiten adquirir competencias de todo tipo e, o que quizais é máis importante, son un xeito de socializar no propio concello. Ademais, facémolo a prezos populares, porque o custo non debe supor unha restrición importante para ninguén”, explica o alcalde, Sergio Platas.

O custo mensual das actividades e talleres varía en función da duración da sesión: 6,75 euros ao mes as de 1 hora, 7,5 euros se son de 90 minutos e 8 euros as 2 horas. O pago anual pode fraccionarse en dous períodos.

Os interesados teñen, desde xa, dispoñible a opción de inscribirse no propio Concello de xeito presencial ou a través da sede electrónica. Cabe destacar que cada actividade ou taller debe chegar a un grupo mínimo de 10 persoas. Ademais, no caso de querer darse de Baixa, esta debe quedar rexistrada por escrito para ser tramitada.