Experimentos Caseiros, Cociña Creativa e Deportívate, as actividades gratuítas de Paderne para potenciar os sábados da rapazada
- O Concello ofrece tres modalidades de ocio para a mocidade en idade escolar obrigatoria nas matinais sabatinas desde o 4 de novembro.
O Concello de Paderne potencia a súa proposta de ocio para a mocidade en idade escolar obrigatoria. O goberno local pon en marcha desde o día 4 de novembro un programa composto por tres actividades gratuítas que permitirá encher as matinais dos sábados de entretemento e formación para a rapazada da localidade con idade entre os 3 e os 16 anos.
Os Experimentos Caseiros, a Cociña Creativa e un plan de actividade física denominado ‘Deportívate’ conforman a proposta de actividades ás que as familias xa poden inscribir sen custo algún aos seus fillos e fillas. Para iso, simplemente terán que cumprimentar a folla de inscrición que poden atopar nas redes sociais do Concello ou na propia Casa Consistorial.
Por unha banda, os Experimentos Caseiros permitirán aos mozos e mozas aprender a tinguir ovos e a transformalos en transparentes. Os participantes tamén crearán un volcán caseiro, neve artificial, unha lámpada de lava ou tinta invisible. Esta será a primeira actividade: comezará o 4 de novembro e estenderase durante dúas semanas máis, ata o 18 do mesmo mes, de 11:00 a 12:00 horas no Local de Quintas.
O Local de Quintas tamén será a sede da segunda actividade, a Cociña Creativa. Do 13 de xaneiro ao 10 de febreiro, entre as 10:30 e as 12:00 horas, os inscritos desfrutarán dunha formación que lles permitirá aprender a desenvolver pratos como fideos chinos con polo e vexetais, biscoito de plátano e avea, hamburguesas e nachos caseiros... Sempre coa etiqueta de ‘saudable’ por diante, os alumnos e alumnas desenvolverán durante cinco semanas conceptos básicos para traballar na cociña de xeito creativo e eficiente.
Por último, coincidindo co inicio de marzo e ata finais de maio, todos os sábados encheranse de deporte no Polideportivo municipal. O programa Deportívate achegará durante tres meses diferentes fórmulas para traballar a forza, a resistencia, a coordinación e a flexibilidade. As habilidades motrices do alumnado potenciaranse durante unha hora á semana con actividades de todo tipo: desde circuítos, pasando por deportes como o baloncesto ou o voleibol, ata chegar a exercicios de hixiene postural, xincanas deportivas ou rutas de sendeirismo.
O horario previsto para esta actividade é de 11:00 a 12:00, aínda que todas as horas son susceptibles de modificacións no caso de ter que facer máis dun grupo se o número de inscritos é alto. De todos os xeitos, aínda que mudasen, o que si será inalterable é a franxa: os sábados pola mañá.
“A aposta por este programa é un xeito de seguir apostando pola maior atención posible ás familias do municipio en todos os eidos. O Concello asume o compromiso de organizar estas actividades porque entendemos que é preciso que a rapazada dispoña en Paderne de alternativas de ocio saudable e estimulante a nivel cognitivo”, apuntou a concelleira de Servizos Sociais, Marisa Abrodos.