PRESENTACIÓN DAS ACTIVIDADES DE ADULTOS

Unha parte importante da programación que se realiza no Concello de Paderne está a constituíla a planificación e desenvolvemento das actividades de adultos que se realizan durante todo o curso escolar nas distintas parroquias.

Estas actividades, ademais do atractivo que cada unha delas supón para as persoas que participan, están a converterse nuns importantes foros de relación para os vecinos axudando con elas a manter viva a vida social nas parroquias.

Este curso preséntanse cambios e novidades xa que, ademais das actividades que veñen a obter unha boa resposta ano tras ano como son a informática, a ximnasia de mantemento, pilates, bailes de salón, pintura e manualidades ou a actividade de cociña, preséntanse outras que tamén poden atopar boa resposta.

Son catro novas actividades as que se presentan este ano; unha delas é labores; nela poden facerse desde cadros, roupa para bebés, toallas ou adornos diversos para a casa. Outra é a actividade de barro e cerámica coa que se pode aprender a facer cuncas, xarróns, fontes, macetas ou outras cousas que suxira a imaxinación. Temos tamén a actividade de tapiz e macramé na que se poden elaborar desde adornos tales como pulseiras ou colares ata cadros ou prendas. Por último temos a actividade de coiro coa que se poderán elaborar desde bolsos, cinturóns, carteiras ou maletíns.

Todas elas pensadas para xuntar á xente nos distintos locais sociais proporcionando importantes momentos de relación e esparcimento.

Os que desexen participar teñen de prazo ata o día 7 de setembro para realizar a inscrición. A presentación de tódolos grupos e os monitores será realizada polo Alcalde o venres día 7 de setembro ás 20:30 h no Salón de Sesións da Casa Consistorial.