NOVA OFERTA DE ACTIVIDADES PARA O CURSO 2017-2018

Unha nova oferta de actividades extraescolares e de adultos ven de elaborar o Concello de Paderne co fin de cubrir as necesidades de tódalas persoas do municipio.

Están a desenvolverse desde fai varios anos nos distintos locais municipais contribuíndo así, tanto a enriquecer a vida das persoas que asisten, como a dinamizar a vida social nas distintas parroquias establecendo lazos máis fortes entre os veciños.

Son moitos os beneficios que aportan á vida municipal converténdose en centros dinamizadores das distintas parroquias vendo como, despois de moitos anos en funcionamento, foi incluso incrementándose esta oferta a petición dos veciños.

Para este curso 2017-2018 temos as seguintes actividades:

  • Coiro, que comezou a impartirse no curso anterior e coa que xa realizaron importantes traballos tales como carteiras, estuches, chaveiros ou pulseiras, entre outros.
  • Labores; unha actividade que recupera as habilidades de moitas persoas na elaboración de artesanía para o uso propio. Labores con ganchillo, costura ou bordado son algúns dos traballos, dos que as persoas que asisten, se senten especialmente orgullosas.
  • Pintura, manualidades e restauración; esta actividade leva xa moitos anos realizándose en Paderne e seguen sorprendendo a orixinalidade dos traballos que en cada curso están a realizar.
  • Corte e confección; a evolución dos traballos que veñen a realizar queda plasmada no desfile co que nos veñen deleitando cada ano na xornada de clausura reafirmando así o bo aproveitamento desta actividade.
  • Barro e cerámica; cuncas, xarróns, figuras, pratos e adornos diversos puideron verse na exposición que os distintos talleres puxeron na pasada Mostra do Branco Lexítimo.
  • Cociña; unha actividade moi de moda que está a levantar gran expectación e que ven a enriquecer a cultura gastronómica dos participantes.
  • Ximnasia de mantemento; para manter o corpo áxil e san adaptando os exercicios ó nivel e características dos distintos grupos.
  • Pilates; unha boa técnica para mellorar a destreza, coordinación e axilidade. Boa para tonificar os músculos, mellorar a postura e para o control do estrés e a ansiedade ganando seguidores ano tras ano.
  • Baile; para todos os que desexen aprender ou perfeccionar os movementos e técnicas que implican os distintos estilos de baile.
  • Informática; tanto de perfeccionamento como de iniciación para que todo o mundo teña acceso ás novas tecnoloxías e poida manexar tamén as redes sociais comunicándose de acordo cos novos avances tecnolóxicos.

Unha vez finalizado o período de inscrición, que será o día 12 de setembro, o Alcalde realizará a presentación dos distintos grupos o día 15 de setembro ás 20:30 horas no Salón de Sesións da Casa do Concello contando coa asistencia, tanto dos monitores que as imparten, como das persoas inscritas.

Outro esforzo importante é a oferta de actividades extraescolares que, para os nenos e nenas de Paderne, se realiza desde o Concello. O seu obxectivo é o de facilitar ás familias ferramentas útiles para a educación dos seus fillos aliviando un pouco o esforzo económico que inverten na súa formación.

Con esta filosofía se planificaron actividades de reforzo en Matemáticas, lingua, lengua e inglés contemplando varios niveis para axudar o mellor posible ós rapaces que asistan.

A informática é outra das opcións contempladas dentro das actividades extraescolares; preténdese que os escolares de Paderne estean ó día en este campo e preparalos así para que se desenvolvan axeitadamente en función das necesidades e demanda da sociedade actual.

Non se pode descoidar o deporte; para un bo desenvolvemento, para aprender tamén a respectar regras e medrar de xeito san, a práctica do deporte é un bo aliado que nos axuda a inculcar valores moi positivos na educación dos nosos fillos. Seguindo esta filosofía, desde o Concello, están a ofertarse actividades tales como fútbol sala, balonmán, bádminton e patinaxe que esperemos veñan a enriquecer a vida dos nenos e nenas de Paderne.

Para que as familias poidan planificar os compromisos que a dinámica do curso escolar veñen a establecendo na rutina diaria, van a poder estudiar esta oferta con tempo suficiente elixindo así aquelas que mellor se adapten ás súas necesidades.

Para estas actividades o prazo de inscrición remata tamén o día 12 de setembro.

© 2013 Concello de Paderne