XIV ANIVERSARIO DO CENTRO DE MAIORES

Despois dun tempo sen poder reunir aos socios do Centro de Maiores de Paderne debido ás restricións que se deberon manter pola pandemia, este pasado martes día 15 de marzo, celebrouse novamente a súa festa Aniversario.
Un acto puntual, co que se espera ir recobrando pouco a pouco unha relativa normalidade mentres vaia evolucionando positivamente a situación sanitaria.
Despois de realizar o recorrido por todo o Concello para recoller aos socios que estaban apuntados, o grupo, acompañado polo Alcalde, achegouse, tal e como estaba previsto, ao Pazo de Meirás.
Alí foron recibidos polo Alcalde de Sada que, moi amablemente, acompañou ao Alcalde de Paderne durante todo o tempo no que o guía foi dando explicacións históricas sobre esta polémica edificación.
Hora e media de interesantísimo recorrido polo recinto que o guía soubo ilustrar de marabilla co seu ameno repaso histórico cheo de anécdotas e curiosidades.
Despois tivo lugar unha agradable comida seguida do sorteo de regalos e o baile ata ben entrada a tarde.