VII ASEMBLEA DA REDE DE GOBERNOS LOCAIS+BIODIVERSIDADE EN MADRID
Este pasado 18 de abril, o Alcalde de Paderne, César Longo, asistiu á VII Asemblea da Rede de Gobernos Locais + Biodiversidade e á xornada de traballo: “Especies Exóticas Invasoras: risco para a biodiversidade” que se celebraron en Madrid.
Esta VII Asemblea permitiu decidir os proxectos e actuacións a abordar durante este ano 2018, ademais de coñecer os avances realizados polos grupos de traballo, a nova páxina Web da Rede e os contidos dos acordos de colaboración asinados con organismos afíns.
César Longo participou tamén nas xornadas de traballo anteriormente citadas. Nelas, diversos expertos analizaron a situación actual das principais especies invasoras, tanto animais (cotorra arxentina ou vespa asiática) como vexetais (herba da Pampa, entre outras) así como os danos que ocasionan xerando graves riscos para a biodiversidade local.
Un foro moi interesante no que se valoraron as mellores alternativas para o control e erradicación destas especies invasoras así como as estratexias de comunicación e sensibilización de cara á cidadanía. Accións que en Paderne xa se están a levar a cabo dende fai tempo conscientes dos problemas que están a supoñer para o medio ambiente.