XESTIÓNS REALIZADAS PARA A SOLUCIÓN DOS PROBLEMAS DE TRANSPORTE ESCOLAR EN PADERNE

Debido ós cambios producidos no transporte en Galicia tralo novo deseño da Xunta, pasou a ser a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, e non a de Educación, a que xestione o traslado dos escolares ós respectivos centros de estudo mediante o Transporte Integrado.

Con estes cambios, os alumnos dalgunha das liñas de Paderne, víronse obrigados a pagar o seu desprazamento, que antes era gratuíto, xerando moitas queixas e malestar por parte das familias afectadas que trasladaron este malestar ó Concello.

O Alcalde de Paderne, a fin de coñecer o problema a fondo e buscar a mellor solución, mantivo contactos cos alcaldes dos outros concellos afectados, cos institutos da zona e coas liñas de transporte a fin de encontrar unha solución a un conflito no que os alumnos eran discriminados por razóns xeográficas, non estando así en igualdade de condicións os escolares de toda Galicia.

Neste momento, logrouse que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, despois das presións realizadas tralo problema xerado, adquira o compromiso de manter, durante todo o curso, as mesmas condicións que en anos anteriores a fin de que as familias non teñan que abonar estas taxas discriminatorias respecto a alumnos doutras localidades.

Cóntase con harmonizar tamén unha solución para que, nos seguintes anos académicos, tódolos escolares da ensinanza pública de Galicia sigan estando en condicións igualitarias e non discriminatorias.