SACANDO AS REDES NA PANTALLA

O Concello de Paderne está a organizar un taller gratuíto para rapaces e rapazas de entre 14 e 16 anos en torno ó uso das tecnoloxías nestas idades.

Este taller, impartido por persoal técnico dos centros Quérote+ dependente da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, ten como obxectivos fundamentais o fomento de hábitos de uso responsable nas tecnoloxías e reflexionar sobre posibles situacións que poden darse co mal uso.

As redes sociais están presentes na forma de relacionarse no día a día dos rapaces; moi poucos son os que non teñen un perfil en Twitter, Instagram ou Facebook. Iso permite agregar amigos/as, compañeiros/as de clase, xente que non se coñece en persoa, manter contacto con outras persoas que non se ven tódolos días, deixar comentarios en muros alleos, crear grupos, colgar fotos ou comentar intereses, entre outros.

A baixa importancia que se lles dá ós riscos no uso destas ferramentas, fai que moitas veces usemos as redes sociais de xeito irresponsable accedendo a contidos pouco axeitados ou compartindo información sen prever as súas implicacións.

É moi importante que os rapaces fagan un uso responsable das novas tecnoloxías sendo conscientes da repercusións que algúns usos poden ter nas súas vidas.

Por iso, o Concello quere poñer a súa disposición as ferramentas axeitadas que lles proporcionen uns criterios claros e responsables no manexo das mesmas invitándoos a que se inscriban no taller que se vai a desenvolver.

Será unha sesión de dúas horas na Casa do Concello. A data queda pendente do número de rapaces e rapazas interesados para o cal se abre un período de inscrición ata finais de mes que se pode facer efectiva chamando por teléfono á Oficina Municipal de Información Xuvenil.

© 2013 Concello de Paderne