A RESERVA DE BIOSFERA MARIÑAS CORUÑESAS E TERRAS DO MANDEO, IMPULSORA DOS ECOCOMEDORES ESCOLARES

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo comeza unha nova fase da súa iniciativa de ecocomedores escolares. Co apoio da Fundación Carasso e coa cofinanciación da Medida Leader, a entidade emprende os traballos para afianzar e ampliar o proxecto de ecocomedores.
Co obxectivo de valorar os resultados e definir as próximas metas, a Reserva celebrou, este 28 de xuño, a xornada denominada “Ecocomedores da Biosfera: ferramenta para un cambio social”, no Concello de Abegondo. Reuniu a responsables de comedores, produtores u público en xeral.
O programa de ecocomedores conxuga a necesidade de ofrecer unha alimentación saudable nos comedores dos centros educativos coa produción de produtos ecolóxicos de proximidade. 
A apertura do encontro correu a cargo do presidente, José Antonio Santiso, e do vicepresidente, César Longo. Destacaron a importancia de que os escolares, desde as primeiras idades, se habitúen ó consumo de produtos de proximidade, ecolóxicos e saudables. “En Galicia temos a posibilidade de consumir as nosas producións autóctonas e este proxecto o confirma, é absolutamente reproducible a outras zonas da comunidade”, sinalou Santiso.
O presidente resaltou tamén o beneficio que supón para os pequenos produtores asociados á Reserva, como vía para a súa actividade. Neste sentido avanzou que Mariñas Coruñesas traballa na creación dunha plataforma para a comercialización online dos produtos.
Na sesión de presentación de resultados do proxecto de ecocomedores, no que participan máis de 2.000 escolares, Inés Carreira, da Cooperativa Simbiosis, explicou que a valoración dos centros e das familias é moi positiva. Froito da análise, localizáronse como problemas que os escolares cando medran son máis reticentes ó consumo de verduras así como a falta dalgún produto en concreto.
Como propostas para esta segunda fase que agora comeza, os participantes apuntan a  necesidade dunha formación para a creación de menús saudables, a elaboración de guías ou vídeos sobre verduras, ou a planificación aberta das comidas para introducir os produtos de tempada.
Actualmente estase en conversa con catro novas escolas infantís, neste caso radicadas na Coruña, para a súa incorporación ó programa.
O encontro contou coa participación de Nani Moré, de Menjadors ecológics, consultora que impulsou a iniciativa. E unha mesa redonda coa intervención de representantes de colexios, ANPA, cociñeiros de colexio e produtores puxo broche final á cita.
Á clausura asistiu o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, que asegurou que a Reserva coruñesa “está marcando o paso” na promoción do consumo de alimentación de proximidade. “Esto se empieza en As Mariñas pero es nuestra obligación llevarlo al resto del territorio gallego”, expresou.