PREMIO MICHELE BATISSE DA UNESCO
O Alcalde de Paderne, César Longo, como Vicepresidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, realizou unha viaxe a París para participar no acto de entrega do Premio Michele Batisse, a principal distinción medioambiental que a UNESCO concede, entregándoa este pasado 18 de xuño á Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo polo plan alimentario para a comarca.
Este galardón, creado en 1989 para recoñecer proxectos innovadores das reservas de biosfera de todo o mundo, ven a dar un gran prestixio e apoio ó traballo que se está a realizar pola xeración de emprego que o proxecto está a producir, pola promoción e respecto da biodiversidade e a loita contra o cambio climático no territorio.
O premio foi recollido polo Presidente da Reserva, José Antonio Santiso, acompañado por toda a delegación da que formaban parte o Vicepresidente, César Longo, Rodrigo López e Liss Becerra, exconcelleiros de Oleiros e Sada, Cristina Bañobre, produtora local das patacas Daterra e o xerente da Reserva Jorge Blanco.
O marco para a recollida do galardón foi o Consello Internacional de Coordinación do Programa sobre o Home e a Biosfera (MAB) da Unesco, en París, onde tamén se entregaron becas a científicos novos.
Este premio Michele Batisse, que a Unesco concede cada dous anos, está dotado con 12.000 dólares, e a él cada país só pode presentar un proxecto; nesta ocasión, España propuxo ó das Mariñas, elixido entre todos pola preservación dos produtos ecolóxicos locais que contribúen a preservar as especies autóctonas e ó desenvolvemento sostible. Unha importantísima distinción cando se cumplen 6 anos da obtención da denominación Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo para este territorio do que Paderne forma parte.