OBRADOIRO DE EMPREGO “INTEGRACIÓN SOCIAL E COIDADO Á DEPENDENCIA”
Os alcaldes de Abegondo, Betanzos, Coirós e Paderne, presentaron este novo Obradoiro de Emprego: “Integración social e coidado á dependencia” o pasado día 12 de setembro.
Un importante logro para os concellos co que aportan emprego e formación a vinte persoas por un período de seis meses.
Este tipo de programas están orientados a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas e, neste caso, nun dos sectores con maior demanda como é o da dependencia e a discapacidade intentando cubrir así as necesidades de persoal especializado para suplir a demanda de servizos que presenta a sociedade actual.
Este obradoiro inclúe dúas especialidades; unha de promoción e intervención socioeducativa con persoas con discapacidade e outra de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais .
As prácticas profesionais que completarán a formación destes alumnos desenvolveranse nos centros de Aspronaga e Pai Menni-Irmáns Hospitalarias de Betanzos.
Ademais, ó longo destes meses, recibirán formación complementaria en materias como alfabetización informática, sensibilización ambiental e en igualdade de xénero; por outra banda, para os alumnos que non acadasen os obxectivos da ESO, organizaranse programas específicos coa finalidade de darlles formación básica que lles permita continuar cos estudos nas distintas ensinanzas.