DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Unha data importante na programación do Concello de Paderne é a da celebración do Día Internacional da Muller; data significativa que reivindica o papel de respecto e igualdade entre as persoas independentemente da súa condición sexual.

Non é preciso recordar a importante función da muller na sociedade, o seu papel como nai, como defensora da familia ou como traballadora asumindo os roles que en cada momento necesitou para saír adiante loitando pola súa vida.

Xa no século XXI, temos asumido que tanto homes como mulleres xogan un papel moi importante no avance da sociedade e, polo tanto, damos por feito que a igualdade xa non se poden nin se debe cuestionar pero, aínda así, quedan restos do pasado que están dificultando o avance nesta mentalidade igualitaria e, contra os cales, o Concello de Paderne quere manifestar o seu rexeitamento con este acto simbólico.

Así o vindeiro día 6 de marzo convocamos a tódalas persoas do Concello a participar nunha andaina popular en favor da igualdade; ese día ás 6 da tarde teremos a lectura do Manifesto no baixo da Casa do Concello e, despois, sairemos para facer unha andaina duns 3,5 km aproximadamente.

As persoas interesadas deben apuntarse previamente chamando ás oficinas municipais ata o día 3 de marzo.